Wednesday 15 de May de 2024

Ao redor de 130 nenos e nenas participaron nos campamentos de verán de Carral


Hoxe tivo lugar a xornada de clausura.

Ao redor de 130 nenos e nenas participaron nos campamentos de verán programados polo Concello de Carral, que contaron cun protocolo para evitar posibles contaxios por COVID-19.
Hoxe tivo lugar a xornada de clausura da terceira e última quenda duns campamentos que comezaron o 1 de xullo e que contaron con diferentes temáticas. Nesta ocasión, a última proposta buscaba concienciar aos pequenos e pequenas sobre o coidado do medio ambiente, a ecoloxía e a reciclaxe.
Ao longo desta quenda, os nenos e nenas -de entre 3 e 15 anos- participaron en actividades multideporte, socioculturais, de concienciación ambiental, reciclaxe e en excursións.
Protocolo de seguridade
O Concello reforzou, este verán, a súa aposta polas actividades e medidas de conciliación. Como explican desde o goberno local, “considerabamos necesario reforzar as actividades de conciliación pero na situación actual, a seguridade é, máis que nunca, a máxima prioridade. Por iso, reaxustouse a organización dos campamentos aplicando un completo protocolo”.
Estas actividades leváronse a cabo no CEIP Vicente Otero Valcárcel e no local interxeracional co fin de cumprir coas distancias de seguridade. Para acceder a estes recintos, os participantes tiñan que desinfectar calzado e mans e someterse, así mesmo, á medición da temperatura.
Os cativos e cativas maiores de 6 anos debían empregar a máscara de xeito obrigatorio, agás naqueles casos nos que os presenten algunha patoloxía que impedise este uso. No caso das excursións, todos os nenos e nenas, con independencia da súa idade, debían levar a máscara de protección no autobús, tal e como indica a normativa. Unha vez dentro do recinto dos campamentos, os rapaces e rapazas estaban separados en grupos formados por un máximo de 10 participantes.